Buscar neste blog

venres, 12 de xuño de 2015

O Home Almofada, a través de IlMaquinario Teatro


Le devoir
De l’écrivain, du poète
N’est pas d’aller s’enfermer lâchement dans un texte,
un livre, une revue dont il ne sortira jamais
mais au contraire de sortir
Dehors
Pour secouer,
Pour attaquer
L’esprit public
Sinon
A quoi sert-il?
Et pourquoi est-il né?
                                           Antonin Artaud, "Le devoir"


Hoxe actualizo este meu recuncho teatral cunha peza completamente negra, emocional, manipuladora e, ante todo, intensa. O pasado día seis de xuño, no Auditorio Municipal de Ourense, apreciei como Tito Asorey emprega O Home Almofada, do cruel dramaturgo Martin McDonagh, e os catro actores que integran a compañía IlMaquinario Teatro para dar vida a Katurian, Michal, Ariel e Tupolski nun thriller tan emocionante coma violento. 

A produción mostra as claras consecuencias da educación recibida durante a infancia: os pais de Katurian logran suxestionala para que, nos contos que escribe, encerre historias de asasinatos, torturas e xente sen escrúpulos. Porén, tarda anos en darse conta de que quen estaba a padecer para que ela dese vida a tan cruentas ficcións era Michal, a súa irmá. Os resultados de tal descubrimento non se fan agardar, e espertan o lado máis vingativo de Katurian. Non obstante, a traxedia non rematará aí, xa que anos máis tarde as dúas irmás volverán a atoparse nunha situación límite cando comecen a aparecer nenos asasinados nas mesmas condicións ca nos libros de Katurian. Os noventa minutos da peza reconstrúen o tempo que pasan as irmás sendo interrogadas polos dous policías, que gardan máis dunha sorpresa, sen esquecernos das correspondentes digresións que nos achegan ao núcleo do conflito. Noventa minutos nos que o dinamismo e o dominio sobre as emocións do público están perfectamente controlados por parte da compañía.

A crueldade, no seu extremo máximo absoluto, é o eixe fundamental da peza. Resulta imposible comentar esta obra de teatro sen facer alusións ao particular Antonin Artaud, quen afirmaba que a crueldade existe dentro de todos nós, e a infancia ten ese poder sobrenatural para marcarnos durante o resto das nosas vidas. Isto refléxase nos catro personaxes principais da obra, todos eles cargando pesado macuto do seu pasado. Contrastando coa temática, tan escura e profunda, está presente ao longo de toda a produción ese humor negro e acedo, esas risas que ceibamos nos momentos cume a pesares do sufrimento que vemos sobre o escenario. En última instancia, acábanos facendo pensar que esa inhumanidade que vemos nos actos dos protagonistas, por extensión, aféctanos tamén ao espectadores; unha viaxe ao interior, ás sombras do noso espírito, á parte máis escura da nosa alma.

Sen dúbida, as historias de Katurian colaboran nese anhelo da compañía por chegar aos nosos sentimentos. Cada vez que algún dos seus contos é narrado (ou escenificado) trasládanos a ese segundo plano do argumento da obra, o das ficcións dentro da ficción. Persoalmente, a historia do home almofada foi, indubidablemente, a que máis captou o meu interese, non só polo conto en si ou pola relevancia no transcurso da trama principal, senón polo que a historia representa: ese eterno xogo co destino, con vivir sufrindo ou morrer antes de que nada ocorra. Ademais, creo firmemente que o momento no que se descobre a relación entre o home almofada e Michal é un dos máis belos da obra.
 
Se nos referimos á parte escenográfica, a iluminación, eses catro taboleiros como sala e esa estrutura metálica a modo de "cama" (e de moitas outras cousas) fannos entrar no ambiente claustrofóbico no que tratan de sobrevivir Katurian e Michal. Especialmente impactante é cando vemos esa lámpada abaneante na sala de Michal mentres escoitamos os berros de sufrimento de Katurian dende a planta de arriba. Nalgún momento, incluso temín pola solidez dese chan, tan golpeado e maltratado tanto con cadeiras como con persoas. De feito, con respecto aos efectos sonoros (e incluso referíndonos ás cordas vocais dos protagonistas), estes xogan un papel fundamental, pois entre berros e golpes, pasando polo disparo final, o patio de butacas convértese nun ir e vir de calafríos e sobresaltos. Debo dicir que o feito de incluír a unha nena verde foi un gran acerto; non vira a obra antes, pero está claro que a miña mente xa non a pode concebir sen a presenza da rapaza, que estivo excepcional e que fixo que o resto de actores medrasen moitísimo nas escenas posteriores.

Á pregunta de "cal prefires, Perplexo ou O Home Almofada?" paréceme imposible ofrecer unha resposta: son dúas producións tan opostas que os puntos fortes dunha compénsanse cos da outra. Comedia vs crueldade. Luz vs escuridade. Rematar cantando vs rematar chorando. Se hai algo que se manteña en ambas obras é a complexidade dos personaxes, pero en sentidos diferentes. Nunha delas, cada personaxe cambia e acumula algo da sitación anterior, mostrando unha personalidade formada por remendos de diferente índole; na outra, a psicoloxía de cada un deles está fortemente marcada, e presentan unha evolución tan profunda que chega ata a alma de cada espectador.

A fachada severa de Ariel (Fernando Gómez), que protexe o seu interior magoado polo pasado cunha actitude violenta que vai esmorecendo segundo avanza a acción. A fortaleza de Katurian K. Katurian (Melania Cruz), protectora e capaz de autoinculparse para protexer a súa irmá. A desordenada mente de Michal (Laura Míguez), a rentes da loucura, que non deixa de sorprendernos. A potestade de Tupolski (Fran Lareu), que cun simple movemento de dedo consegue exercer o seu papel dominante. A perfectísima interpretación destes catro máquinas, Melania, Fran, Fernando e Laura, colocando o listón nuns niveis exosféricos (xa non estratosféricos, moito máis alá). A indubidablemente excepcional dirección deste elenco de primeira liña por parte do infatigable e perfeccionista Tito Asorey. Todo isto é unha mínima parte de todos os factores que dan lugar a unha peza pola que vale a pena achegarse ao teatro, a onde sexa.

"Os monstros existen, e as pantasmas tamén son reais. Viven dentro de nós e, ás veces, eles gañan."  
Stephen King

Ningún comentario:

Publicar un comentario